Thursday 28 de March de 2024

A Xunta colabora co concello de Padrón na recuperación ambiental no lugar da Ponte cunha achega que supero os 38.600€


— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, comprobou as obras levadas a cabo no concello

— A Vicepresidencia Primeira da Xunta leva destinados nos últimos anos arredor de 641.700 euros a este concello a través de varias ordes de axudas

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, visitou hoxe as obras levadas a cabo no concello, mediante o convenio asinado para actuacións de recuperación ambiental no lugar da Ponte, polo que o municipio recibiu unha achega do Goberno galego de máis de 38.600 euros.

Segundo explicou a directora xeral, o concello de Padrón manifestou a necesidade de acometer actuacións de recuperación ambiental no lugar da Ponte destinadas á limpeza, recuperación e acondicionamento do espazo degradado da contorna da ponte a Cesures, na desembocadura do río Ulla, que presentaba condicións de deterioro ambiental.

Natalia Prieto subliñou que grazas a esta axuda realizouse o acondicionamento e acadouse a integración paisaxística mediante soterramento dos cableados de iluminación e a construción de pavimentos exteriores a base de materiais ambientalmente sustentables, como a pedra e o terrizo, e de eficiencia enerxética polo emprego de luminarias de alta eficiencia.
A directora xeral de Administración Local engadiu que estes proxectos teñen un efecto exemplarizante ao contribuír a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o medio ambiente e a necesidade do impulso da sustentabilidade ambiental nas administracións públicas, en concreto, nas entidades locais. A Vicepresidencia da Xunta leva destinados nos últimos anos arredor de 641.700 euros a este concello grazas a través de varias ordes de axudas.